Aldeas Galas | 2019

Cando viaxamos polas estradas e polas autopistas a piques de arribar á cidade, a paisaxe que pasa fugaz por diante dos nosos ollos, esvaecida pola velocidade do vehículo, vai quedando atrás, inadvertida, ata chegármonos ao noso destino. Aldeas Galas é un proxecto que se sitúa xusto nesa periferia máis próxima ás cidades. Lugares integrados e á marxe do centro urbano. Aldeas que resisten fronte á urbanización, aos grandes polígonos industriais, ás vías de comunicación..., do mesmo xeito que a aldea gala dos famosos Astérix e Obélix resistía á invasión dos campamentos romanos que a rodeaban. O nome do proxecto non é, de feito, en van: "eu sempre digo que O Viso é unha aldea gala!", díxome un dos veciños deste lugar de Santiago de Compostela. Así pois, ben poderiamos dicir que estas que aquí aparecen son as Aldeas Galas propias de Galicia.

A análise destes lugares faise aquí dende a propia xente que os habita. A intención é coñecer o estilo de vida da veciñanza, saber de que maneira interacciona o rural e o urbano no día a día de cadaquén. Xa dixo Miguel-Anxo Murado en Outra idea de Galicia que “a Galicia rural está presente ata nas cidades. Como lle pasa a Grecia co mar, en Galicia o campo nunca está moi lonxe, nin física nin espiritualmente”. E é que o rural e o urbano, aínda sendo dous modelos de vida diferentes, viven e conviven mesmo dentro de nós. Unhas veces fano de maneira amigable, e outras chocan e non conxenian. "O grande sempre come ao pequeno", dicíame outro veciño do Viso. Mais... Quen sabe quen é o grande e quen é o pequeno?